Nº: 5 Revista de divulgación do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo
Data: 01/03/2023
DESCARGAR Nº 5 REVISTA AGROEXPRESS
Como xa sabedes, as áreas nas que traballamos os investigadores dos diferentes centros da Agacal son moi amplas, xa que abarcan temas relacionados coa agricultura, a gandería e o aproveitamento do noso
monte. Neste número temos o pracer de estrear contidos en dúas novas temáticas: por un lado, un artigo de viticultura sobre especies de fungos responsables da enfermidade do pé negro da vide, unha colaboración entre investigadores da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega) e da Universidade de La Rioja; e por outro, un artigo forestal sobre rendementos dun sistema de extracción de resina en piñeiros destinados a madeira, froito do traballo de investigadores do Centro de
Investigación Forestal de Lourizán (CIF Lourizán).
Tamén presentamos un artigo de horta que, aínda que non de recente publicación, revela a importancia dos traballos previos ao rexistro dunha variedade, que permiten poñer en valor os produtos da nosa horta. Nesta ocasión, trátase de dous pementos galegos de carne grosa, actualmente
rexistrados como variedades tradicionais.
Xa no reino animal, ides poder ler un resumo dun libro enteiro de 80 páxinas, publicado polo Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), e titulado Estrutura e sistema de alimentación en explotacións leiteiras de Galicia. Esperamos que desfrutedes o atallo e que, logo,
desexedes lelo enteiro.
Tamén incluímos un traballo de recompilación de consellos para fertilizar máis eficientemente, que pensamos que vos resultará útil; e outro que compara o xurro cos fertilizantes minerais á hora de intentar
minimizar a liberación de gases de efecto invernadoiro á atmosfera, pois é cada vez máis importante que todos elixamos as prácticas menos contaminantes.
E se xa vos estabades preguntando onde estaban as forraxes, atoparedes tamén unha actualización recente do traballo de avaliación de variedades de millo, que os investigadores do CIAM realizan todos os anos, así como unhas recomendacións sobre o momento óptimo de corte para ensilar o xirasol, unha alternativa forraxeira ao millo.